CRTVG

Buscar

Donald Trump podería volver á Casa Branca durante o día de hoxe

Publicado o 05/10/2020 08:47

Os médicos que atenden o presidente Trump din que evoluciona ben e que podería regresar á Casa Branca este luns.

Por sorpresa, Trump saíu o domingo un momento do hospital para saudar un grupo de simpatizantes. Ía en coche, coa ventá pechada e con máscara. Leva tres días ingresado nun hospital militar nos arredores de Washington. O equipo que o atende asegura que a súa evolución é positiva, aínda que o médico persoal di que hai altibaixos.

Donald Trump evoluciona ben. Non volveu ter febre desde o venres á mañá, mantense activo e sen problemas respiratorios. Explicouno, no último parte médico, o equipo que o atende nun hospital militar das aforas de Washington. 

Brian Garibaldim, membro do equipo médico, asegura: "Se continúa véndose e sentíndose tan ben coma hoxe, espero que poidamos darlle a alta mañá, para volver á Casa Branca onde continuaría o co tratamento".

Os médicos recoñeceron, porén, que o presidente dos Estados Unidos foi conectado a osíxeno suplementario o venres á mañá, ao experimentar unha caída dos niveis en sangue. Caída que se repetiu onte, tamén pola mañá, pero sen chegar a causarlle problemas para respirar.

O seu médico persoal restoulle importancia incluso ao primeiro episodio. "Afortunadamente foi un episodio transitorio moi curto e nun par de horas recuperouse", asegurou Sean Conley, médico persoal do presidente.

O seu equipo, que difundiu fotos del supostamente traballando no hospital, explicou que hoxe ten un nivel de osíxeno do 98% e que seguirá o tratamento de cinco días co antiviral Remdesivir, do que xa recibiu dúas doses sen complicacións. 

Estas son as últimas declaracións de Donald Trump en Twitter: "Vin aquí, non me sentía moi ben. Síntome moito mellor agora. Estamos traballando duro para que me recupere". Fíxoas onte á noite desde o hospital.

Noticias web

05/10/2020