CRTVG

Buscar

Donald Trump insinúa que pode haber un cambio de Goberno nos Estados Unidos

Publicado o 14/11/2020 14:27

Donald Trump compareceu, por fin, ante a prensa despois dunha semana practicamente ausente, na que só participou nun acto non informativo. Non era para falar dos comicios, senón da covid-19. Basicamente, sacou peito pola vacina da farmacéutica Pfizer e dixo que lle concederán unha autorización de emerxencia para poder usala o antes posible nos Estados Unidos.

O máis significativo foi cando rexeitou un novo confinamento no país e aludiu a un posible cambio de Goberno:  "Esta Administración non entrará nun confinamento. Con sorte, o que suceda no futuro, quen sabe que Administración será, supoño que o tempo o dirá, pero podo dicirlles que esta Administración non irá a un confinamento".

Trump non admitiu preguntas dos informadores e así se despediu, precisamente entre interrogantes. Escóitase como algúns xornalistas lle preguntan cando admitirá que perdeu as eleccións.

Ábrese agora unha porta á posibilidade dunha transición algo menos agresiva do agardado, aínda que Trump seguirá coas súas iniciativas xudiciais en todas as frontes posibles.

FInalmente, o reconto electoral deixou a Joe Biden con 306 delegados electorais e a Trump con 232. Trátase dunha diferenza que fala por si mesma, malia que foran moi cativas as marxes nalgúns dos estados clave entre os dous candidatos. Biden recibiu, ademais, dúas boas novas antes da comparecencia de Trump. Un comité do Goberno estadounidense certificou que estes comicios foron "os máis seguros da historia", e este home, o xefe do Estado Maior do Exercito, Mark Milley, asegurou que eles están para defender a Constitución e non "un ditador". Así de sorpresiva, pola contundencia, foi a súa expresión.
 

Noticias web

14/11/2020