CRTVG

Buscar

Domingo de festas gastronómicas espalladas por todo Galicia

Publicado o 18/08/2019 21:12

Callos, empanadas, sardiñas, ameixas... as festas gastronómicas deixáronnos hoxe, en Galicia, pratos para todos os gustos. Milleiros de comensais apúntanse a estas celebracións do padal que requiren, dos organizadores, grandes doses de ingredientes e de traballo.

Ás seis da mañá, Tomás xa estaba prendendo os fogóns. Leva 22 anos facendo os callos en Lobios, desde a primeira edición da festa. Cómprelle o tempo porque traballa con cantidades colosais: "300 quilos de garbanzos, 600 de pata, 50 de chourizo...", conta Tomás.

En Lobios hai 1.700 habitantes, pero aquí reparten 2.000 racións, unhas para comer no sitio e outras para levar para a casa. Aos habituais da vila súmanse os que están aquí de vacacións e os que se desprazan desde outros lugares de Galicia e Portugal atraídos polo arrecendo dos callos limiaos: "Todos de Baños de Molgas. Este é o único do pobo". "Tróuxenos aquí e imos papar e beber ata caer". "Soemos ir onde haxa callos e aquí, a señora, dixo,'vamos para alá', non sabiamos onde era, e aquí estamos".

Nesta edición, ademais, puideron acompañar os callos cunhas espetadas de porco. Preparounos o chef do balneario de Lobios, Domingo González: "Hai varias opcións no menú. Pode ser espeto con callos e bica, ou só os callos ou só o espeto".

Tirando cara a costa, o menú varía. Carril presume de ameixas. Na contorna da lonxa, vilagarciáns e visitantes degustaron este manxar cultivado na desembocadura do río Ulla.
 

 "É a primeira vez que vimos -di unha veciña- pero eu quedo contenta de ter vido. Hai que repetir". "A ameixa de Carril é a mellor que hai. Non hai outra coma ela", asegura unha das organizadoras da festa.

E en Sada festexaron un lonxevo aniversario. A Gran Sardiñada, festa de Interese Turístico, comezou como unha 'merendiña' no ano 1959. Sesenta anos despois, reparte dous mil quilos de sardiñas.

Noticias web

18/08/2019