Docentes de secundaria montan cámaras de néboa para o alumnado
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías desenvolve un taller para o profesorado de secundaria para achegar a ciencia máis punteira ao alumnado. Os mestres que obtiveron praza no obradoiro montaron unha cámara de néboa portátil ou, o que é o mesmo, un detector de partículas invisibles aos ollos.
Dos máis de corenta docentes que tiñan interese en levar un aparato coma este para o seu instituto, doce poderán facelo. Trátase dunha cámara de néboa portátil, deseñada no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, pensada para utilizar como recurso didáctico na aula. Permite detectar partículas elementais invisibles ao ollo humano.
No taller deste sábado cada docente acabará de montar o detector de partículas valorado nuns 800 euros e que conseguen de balde. Dada a acollida, no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías contan con repetir a iniciativa.