Doce historias de peregrinación protagonizan o vídeo promocional do Xacobeo
A secuencia que se vai rodar é o núcleo da película, o momento en que un local de restauración abre de novo tras os períodos de restricións.
Miguel Conde, director e realizador dos anuncios, relata que "é o momento de apertura dun hostaleiro que cheo de ilusión e de enerxía ve como o seu establecemento recupera o pulso e a enerxía que tiña antes do famoso coronavirus".
A pandemia estará presente, pero non será a protagonista. O vídeo promocional do Xacobeo 2021-2022 pretende afondar nunha mensaxe de esperanza, e farao a través dunha ficción. Doce historias de peregrinos estranxeiros ou nacionais, e galegos, historias que se desenvolverán en distintas localizacións do Camiño de Santiago. O obxectivo é tamén promover Galicia como unha opción de turismo seguro.
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, afirma que "a xente que ía facer o Camiño antes da pandemia seguro que vai querer seguir facéndoo igual e moitísima xente que ao mellor non pensaba facelo, agora si que está entre os seus obxectivos. A nova maneira de viaxar vai ter moito que ver co contacto coa natureza, con espazos abertos e con visitar lugares non masificados, e todo iso é tamén o Camiño de Santiago".
Estes anuncios representan un dos eixes principais da campaña de promoción do Xacobeo 2021-2022.