Dobre desaloxo dunha parella de maiores en Melide por un incendio reactivado
Os rescaldos dun incendio acontecido esta noite en Melide orixinaron pola mañá outro lume nunha vivenda contigua con dúas persoas maiores dentro. Saíron da casa ilesas. A parella fora desaloxada horas antes e tamén outros dous veciños polo incendio noutra casa deshabitada.
O aviso de que había un incendio no Cantón de San Roque, en Melide, chegaba ao 112 contra as dúas desta mañá. Ardía a casa número 34, unha construción de baixo e planta alta con estrutura de madeira, entre dous inmobles e deshabitada.
"Ao chegar aquí xa vimos que saían moitas lapas polo tellado e había moito lume. Canda os compañeiros do parque comarcal de bombeiros de Arzúa, traballamos na extinción. Rematamos sobre as cinco e media da mañá", di Juan Carlos Curros, xefe de voluntarios de Protección Civil de Melide.
Dúas horas despois de que volveran para a base os bombeiros, outra chamada ao 112 alertaba de lume na casa do lado, a 32. Habitada por un matrimonio de idade avanzada.
Os dous saíron da casa polo seu pé e mesmo seguiron de preto os traballos de extinción. Era o segundo desaloxo da vivenda en seis horas, despois do incendio da madrugada.
Curros explica: "Procedemos a desaloxar os veciños que estaban. Estiveron un par de horas fóra e logo xa volveron aos seus domicilios tras comprobar que non corrían perigo".
Engade que o desaloxo afectou en total catro persoas, e referíase ao estrés que sufriu o matrimonio afectado pola reactivación do lume na súa casa: "Si, a verdade é que é xente maior e están asustados. Xa de madrugada, ao chamalos, asustáronse, e hoxe pola mañá aínda máis, claro, ao ver que a casa deles estaba afectada tamén".
O incendio inicial ocasionou unha carga grande de calor e transmitiuse pola parede compartida á casa contingua. Despois de que se dera por extinguido, o rescaldo reactivouse axudado polo material combustible apoiado na parede da vivenda.