CRTVG

Buscar

Chega o DNI 4.0, máis tecnolóxico e cun formato unificado en toda a UE

Publicado o 27/07/2021 10:05

Chega o DNI 4.0. Será o mesmo documento, pero algo diferente, e desde a próxima semana será o obrigatorio na Unión Europea. Será xa a partir do día 2 de agosto que todos os que se fagan terán ese novo formato, pero en Vigo xa o implantaron o 19 de xullo.

"Desde ese día xa se fixeron uns 3.000", explica María José, voceira da Comisaría da Policía Nacional.

"A intención é implantar medidas de seguridade e estar máis ao día no aspecto tecnolóxico", asegura. "A maior diferenza é o título que virá en cando menos noutro idioma comunitario. No noso caso iría en castelán e inglés, e na esquina abaixo, en galego. Ademais, tamén están as dúas letras nun cadrado do país que expide o DNI. Na parte de atrás está o mapa do país que expide o documento e difuminada a bandeira da UE e de España".

Iso no aspecto formal. No tecnolóxico, o maior cambio será que terá "un chip máis potente máis rápido, e con maior capacidade", di María José.

"Segue sendo necesario traer fotografía e pedir cita previa", aclaran desde a comisaría, "e hai que ter en conta que nestes momentos, nos meses de inverno hai menos solicitudes, e a espera pode ser dunha semana ou dez días. Nestes momentos estamos nun mes, e ata comezos de setembro non teriamos praza para renovar".

Outra das novidades que chegan é o DNI electrónico, "que podemos levar no teléfono móbil", di a voceira policial. E a outra, o DNI exprés, que "só está implantado nos aeroportos de Madrid e Barcelona, e sería o propio cidadán, que no caso de perda ou subtracción, quen podería renovalo na máquina, sen cambiar ningún dato".

Noticias web

27/07/2021