Diverxencias no taboleiro político arredor de Esquerra Republicana
Carmen Calvo considera que os españois "merecen que haxa investidura este mesmo ano". Confía no paso decisivo de Esquerra Republicana para facilitar un novo goberno e "devolver a política" ao ámbito do político en Cataluña. Nese sentido, dixo que están "soportando unha herdanza do PP" e que agora toca intentalo pola vía do diálogo
"Imos ver en que termos rematan hoxe o seu congreso. Nós facemos os nosos e, nese sentido, canto antes teñamos unha investidura máis axiña iremos para seguir tomando moitas decisións que teñen que ver co día a día deste país, pero que teñen que ver tamén co futuro de Cataluña", declarou a vicepresidenta do Goberno en funcións.
Desde a oposición, o PP anuncia accións legais polo que eles consideran "un mitin político de Junqueras" gravado no cárcere e difundido no congreso de Esquerra. Pola súa parte, Ciudadanos segue insistindo en que Sánchez debe optar polos constitucionalistas fronte ao desafío independentista.
"Anunciolles que o Partido Popular vai estudar as accións legais que sexan pertinentes, porque non se pode permitir que a reponsable do cárcere de Lledoners permitira un mitin político dun dos reos", sinalou o vicesecretario de Comunicación do PP.
Isto é o que declaraba Melisa Rodríguez, voceira da xestora de Ciudadanos: "Nós estamos poñendo sobre a mesa que hai unha vía, a vía dos 221 escanos, que ten que explorar, porque a teor das declaracións do señor Junqueras, dixo onte que están lexitimados máis ca nunca para volvelo facer".