Varios líderes autonómicos, contra a prorrogación do estado de alarma
Na décima conferencia de presidentes, varios líderes autonómicos amosaron a Pedro Sánchez o seu desacordo coa nova prorrogación anunciada onte polo presidente do Goberno.
Pedro Sánchez escoitou desde as autonomías diversos pedimentos económicos, que inclúen a convocatoria urxente do Consello de Política Fiscal e Financeira. Quim Torra foi o que puxo sobre a mesa unha cantidade concreta: catro mil millóns de euros para afrontar os gastos extraordinarios derivados da pandemia.
Tamén desde o ámbito nacionalista, Iñigo Urkullu reclama un modelo preciso de cogobernación coa vista posta no futuro.
A presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, di que Sánchez segue sen contestarlle a varias preguntas, Por exemplo, por que se divulgou o informe sobre a situación sanitaria de Madrid e a semana pasada non, ou onde están os informes sobre as outras comunidades.
Mentres, o presidente andaluz, Moreno Bonilla, facía unha reclamación específica para o seguinte cambio de fase: máis coordinación nos criterios.
A presidenta balear anunciaba unha nova significativa: o Goberno está disposto a encarar o rescate do sector turístico.
Outro presidente socialista, o valenciano Ximo Puig, sinalou que é necesario concertar e acertar, entre todos, nas prioridades económicas e lembrou que o coronavirus fará que os ingresos públicos descendan en 50.000 millóns de euros, e os gastos van aumentar en 60.000 millóns.