Diversidade de opinións en Conxo ante as obras da entrada do Camiño Portugués
Entre os veciños de Conxo, as obras da Xunta para mellorar a entrada do Camiño Portugués en Santiago dan moito que falar e con diversidade de opinións. Unha das controversias está na corta de dous cipreses vellos, un deles medio seco, segundo os técnicos, que había nesta praza utilizada de aparcadoiro de coches.
Pedimos opinión, pero non todos quixeron expresala publicamente, sobre unhas obras que deixarán a rúa do Campo de Conxo, cunha imaxe aproximada á que exhibe o cartel do proxecto.
Mercedes, veciña do barrio di: "Paréceme fenomenal. Creo que estas árbores aquí lle estaban quitando moita imaxe ás fachadas da igrexa e do psiquiátrico. De feito, quen vivivimos aquí, pegados onde as árbores cando había temporal... pois, non son para telas do lado das casas".
Baltasar, distribuidor de hostalería, di que non lle parece mal o proxecto, "pero vexo que podería ser máis aproveitado se fixesen xa un aparcadoiro de coches soterrado na praza, porque tarde ou cedo haberá que facelos , porque non hai onde aparcar, e despois custaría moito máis".
Sara, que rexenta un establecemento de hostalería, di: "A verdade é que me gustaba como estaba antes, pola pedra que tiña. Indubidablemente parece que é unha boa opción como vai quedar, pero é un ano que estamos aquí parados. Un pouco de dúbidas sobre como vai quedar para aparcar".
Outra veciña, Isabel, di concluínte: "Eu só quero que acaben pronto as obras, porque estamos de terra a tope na casa. Simplemente. Porque non sei cando acabará isto. Ademais, empezan nun sitio, paran... Van para outro, paran... Van para outro...".
Nalgúns tramos xa é pisable o pavimento novo e mesmo están colocados os farois, dunha obra que custa máis de dous millóns de euros.