CRTVG

Buscar

Barricadas e saqueos no cuarto día de protestas en Barcelona e Xirona por Hasél

Publicado o 19/02/2021 22:34

Barcelona é escenario esta noite de saqueos a tendas, asaltos e desfeitas en sedes bancarias e barricadas incendiadas, mentres en Xirona tamén se suceden os danos a bancos e no mobiliario urbano, na cuarta xornada de protestas pola liberdade do rapero Pablo Hasel.

Os Mossos d'Esquadra detiveron polo menos catro pesoas,dúas en Barcelona e dúas en Xirona

Grupos violentos provocaron desfeitas en numerosos comercios, sobre todo, no Borne e na praza de Catalunya, e arrasaron varias terrazas de bares da Ramblas, cuxo mobiliario e xardineiras quedou esparexidas na rúa, e mesmo queimaron cadeiras dun dos locais de restauración desta emblemática vía catalá, que utilizaron despois como barricadas.

Así mesmo, saquearon varios dos comercios que atacaron, entre eles, algúns do Triangle e unha coñecida tenda de material deportivo na rúa Canuda, despois de esnaquizar por completo os escaparates. Nesta zona, tamén levantaron barricadas que incendiaron, á vez que os violentos lanzaron todo tipo de obxectos como pedras a furgóns dos Mossos, que se mantiñan a distancia na Rambla.

A diferenza do ocorrido nas anteriores noites de disturbios, os Mossos mantiveron esta noite unha actitude máis de contención. Tamén se viviron momentos de tensión na parte final da Rambla, preto de Colón, onde grupos de encapuchados lanzaron todo tipo de obxectos a unha comisaría da Garda Urbana.

En Xirona, os grupos de manifestantes violentaron dúas oficinas bancarias na praza Independencia e outra na Mercadal, moi preto da Subdelegación do Goberno, #nte a que se desmontou mobiliario urbano para lanzalo contra a liña policial. O candidato da CUP pola provincia nas eleccións do 14 F, Dani Cornellà, denunciou que foi golpeado por un antidisturbios mentres tentaba intermediar e avanzou que presentará denuncia.

En Vilafranca do Penedès, algúns manifestantes lanzaron obxectos pirotécnicos contra os mossos que protexían a comisaría e despois tiraron os valos que protexían o edificio. Ademais, lanzaron pedras e pintura contra un coche policial, aínda que a tal hora os incidentes xa finalizaron. 

Noticias web

19/02/2021