CRTVG

Buscar

A Xunta, o Goberno e os concellos reforzan os controis policiais para evitar 'botellóns'

Publicado o 02/07/2021 11:35

• Os axentes vixiarán o uso da máscara e que non haxa aglomeracións na primeira fin de semana de apertura do ocio nocturno

• Que se pode facer en Galicia dende este sábado?

• A Xunta non descarta "revisar" o modelo de restricións pola repunta

Pasou cando se retirou a obrigatoriedade da máscara e temen que se repita agora que os locais nocturnos volven abrir: aglomeracións de xente nas zonas de ocio sen distancia de seguridade e agora cun factor engadido. Os contaxios por COVID están volvendo a subir.

As autoridades van reforzar as medidas de seguridade nos lugares especialmente sensibles para evitar botellóns ou concentracións na rúa durante a fin de semana. O vicepresidente primeiro da Xunta mantivo este venres unha xuntanza coas distintas forzas e corpos de seguridade para deseñar un dispositivo especial, sobre todo, nas zonas de veraneo. Na reunión tamén participaron a Delegación do Goberno e a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias). 

Segundo subliñou Alfonso Rueda, a partir deste venres van estremar a vixilancia no concello de Sanxenxo porque prevén un desprazamento cara esa zona. "Hai poboacións na contorna, como Pontevedra, Cambados ou Poio, onde non se permite o ocio nocturno e están restrinxidas as concentracións e as capacidades", explicou Rueda.

Do mesmo xeito, reforzaranse os controis nas grandes cidades e nas localidades con maior poboación. Vaise vixiar que non haxa botellóns, e o mantemento da distancia e o uso das máscaras nas zonas de marcha.  "A Garda Civil vai facer un especial esforzo nos dispositivos, ao igual cas distintas policías locais e a autonómica", asegurou. Esta última vai montar operativos en Sanxenxo e "tamén nos lugares onde houbo máis problemas a pasada fin de semana, como en Ourense", salientou.

O vicepresidente primeiro lembrou que Galicia, a día de hoxe, é a comunidade con máis xente vacinada coa dobre pauta pero o risco de contaxio estase a desprazar cara a poboación non vacinada. "Toca facer un esforzo especial para non ter que dar pasos atrás", dixo.

Rudea insistiu na necesidade de cumprir as normas para que non se produzan situacións coma as vividas noutras autonomías "con consecuencias" directas en Galicia. . “Vemos o que se produciu nas Baleares. Iso non queremos quese produza en Galicia e todos estivemos de acordo en que isto vai ser obxecto dun especial control esta fin de semana con independencia das condicións meteorolóxicas. Os botellóns non se poden producir, hai que intentar que non se produzan e se se producen teñen que ser denunciados e sancionados”, explicou o vicepresidente da Xunta. "Queremos evitar males maiores", concluíu 

A Xunta lembra que os botellóns están prohibidos. Supoñen multas de ata 300 euros por persoa e agora ademais o risco dunha enfermidade grave nun colectivo onde a incidencia da COVID triplica a media.

A FEGAMP reclama ademais información previa sobre cada paso da desescalada para estaren preparados. Alberto Varela, presidente da Fegamp, reclama “unha coordinación ao milímetro. É necesario facer moitas máis reunións para que todas as forzas e corpos de seguridade estean totalmente coordinadas”.José Miñones, delegado do Goberno en Galicia, avisa que “realmente eses macrobotellóns dos que se fala, as forzas e corpos de seguridade van estar aí para que se cumpra a norma”.





 

 

Noticias web

02/07/2021