Dispárase a incidencia acumulada en Rois, con 81 casos activos
En Galicia temos concellos coa incidencia aínda disparada. Estamos na área sanitaria de Santiago, onde o que máis preocupa é Rois.
O Nadal marcou un antes e un despois en Rois. As celebracións familiares facilitaron a entrada do virus nas aldeas do concello, que hoxe ten a séptima maior incidencia de Galicia.
Ramón Tojo, alcalde de Rois, di que "pensamos que foi o Nadal que serviu de catapulta. Pasamos de moi poucos positivos a 125 en moi pouco tempo, en doce días multiplicamos por vinte os casos".
Superan os 2.500 casos por cada 100.000 habitantes, se ben é certo que aquí viven unhas 4.500 persoas. Os contaxios empezaron a baixar e hoxe hai 81 casos activos, pero a situación preocupa.
"A xente xuntouse e agora temos que pagalo todos, claro".
"Vexo a situación mal, cada día peor".
"Vese moi pouca xente, moita tristeza".
As miradas están postas no colexio dos Dices, onde hai 8 alumnos contaxiados e unha aula pechada.
Ramón Tojo asegura que "son casos orixinados nas familias, xente contaxiada que, loxicamente, tamén contaxian algún neno. Hai unha aula pechada e estanse a tomar todas as medidas pertinentes".
Moitos dos pais participaron no cribado da comarca do Sar, onde se detectaron 21 positivos que, sen sabelo, poderían estar estendendo o virus por estes concellos da contorna de Santiago.