CRTVG

Buscar

Dispárase a demanda de bicicletas coas tendas practicamente desabastecidas

Publicado o 14/07/2020 14:18

A maior parte das tendas de bicicletas están practicamente desbastecidas. O desconfinamento fixo que se disparara a demanda xusto despois de que moitas das fábricas deixaran de producir durante meses en case todo o mundo. Como resultado, a actividade do sector céntrase agora na reparación de bicis vellas.

Fabio Chaves, dono dunha tenda de bicicletas: "Hai ganas de andar en bici, pero as fábricas estiveron cerradas durante os meses de confinamento. E cando nos desconfinaron, a xente volveuse moi deportista e empezamos todos a andar en bici, a correr e a facer deporte en xeral".

David Burgo, dono doutra tenda: "Demanda de compra e de taller, de reparación de bicis que levaban sen usarse moitos anos. Cal é a consecuencia? Que para esas bicis tampouco hai repostos xa que se esgotou todo".

As bicicletas máis económicas, cun valor inferior aos mil euros, son as máis solicitadas nas tendas. Con todo, os expertos sinalan que o mercado non volverá estar abastecido ata finais do verán.

Fabio Chaves di que "a xente o que máis está buscando é bicicleta de montaña económica, de menos de 800 euros, e bicicleta eléctrica, da que estamos notando unha gran demanda. Lamentablemente, non hai nada debido á gran demanda dos meses de maio xuño". 

David Burgo di que "a día de hoxe están todas as marcas, todos os fabricantes, con rotura de stock. Non hai bicicletas. E nós, a partir de mañá saberemos cando temos a entrada na nova temporada, que se retrasara a setembro pola pandemia. A marca que nós levamos retomou a liña para presentala en xullo e a finais de agosto empezala a servir".

Prevese que a febre polas bicicletas non diminúa, senón que vaia a máis dada a aposta decidida de moitas cidades para fomentar o seu uso. É o caso de Lugo, onde están proxectados 17 novos quilómetros de carril bici.

Noticias web

14/07/2020