Dispáranse os contaxios na Pobra do Caramiñal en só 6 días
"Isto é de xente non de Madrid nin de Barcelona, isto é da xente de aquí do concello, de rapaces que están estudando en Santiago e veñen para aquí e fan as festas", comenta unha veciña.
Os rumores sobre onde está a orixe do foco corren como a pólvora entre os veciños, pero poucos se atreven a falar tan claro.
"O sábado pola tarde cando saía eu do supermercado había aquí unha ducia de rapaces, todos cargados con bolsas para facer botellón", conta Mariola Castelo, que é hostaleira.
Levaban dende finais de febreiro libres de contaxios e coincidindo coa Semana Santa a incidencia disparouse. Con todo parece que os gromos non teñen que ver con turistas de fóra.
"Polo menos de fóra da comunidade. Si que houbo visitantes. Nós establecemos control nas estradas, a verdade que soamente se detectou un caso de fóra da comunidade, soamente un", apunta Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra do Caramiñal.
"A miña tenda depende un pouco do turismo e, persoalmente, xente de fóra non atendín", dinos Noelia Hermo, que rexenta unha tenda delicatessen.
Á espera da decisión que tome mañá o comité clínico, o Concello da Pobra xa decretou algunhas medidas preventivas.
"As dependencias municipais están pechadas agora mesmo. A biblioteca soamente vai dar servizo de préstamo de libros pero a Casa da Cultura, pechada, a Casa da Mocidade pechada, museo pechado e casa de turismo pechada", informa o alcalde.
O mércores remata un cribado ao que están convocados preto de 6.700 veciños, nun intento de poñerlle freo a este tsunami de contaxios que se está estendendo aos concellos veciños de Boiro e de Ribeira.