CRTVG

Buscar

Dispáranse os contaxios en Ourense e Santiago dúas semanas despois de abrir

Publicado o 14/12/2020 20:45

• Ademais da análise da repunta de casos, o comité clínico pechará este martes o plan de Nadal e atratará a estratexia de vacinación

Sete novas mortes elevan o total de falecidos en Galicia a 1.319

Os expertos que asesoran a Xunta pecharán estes martes as normas e recomendacións para as celebracións en Galicia. Saberemos se hai ou non modificacións respecto ás liñas básicas do plan Nadal aprobado polo Consello Interterritorial de Saúde. Pero o comité clínico terá sobre a mesa algúns datos que rompen coa boa evolución da pandemia analizada nas reunións previas. Nas vésperas do Nadal preocupa a repunta de contaxios nas cidades de Ourense e Santiago quince días despois da súa apertura.

Dúas semanas despois de abandonar o peche perimetral e unha despois da ponte da Constitución, os contaxios dispáranse en Santiago e Ourense. Pasaron dunha incidencia da covid−19 duns cen casos por cen mil habitantes a 123 e 136 respectivamente.

"Estamos asistindo na cidade a un incremento dos casos activos. Tamén de xeito paulatino nos últimos cinco días, en que se incrementou un 38 % o número de casos activos e coincide desgraciadamente co tempo posterior ao levantamento das restricións", explicaba o xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

A situación destas dúas cidades chega cando xa comezou tamén o proceso de desescalada noutras áreas urbanas. O comité clínico decidirá este martes se ese proceso de apertura continúa adiante ou se revisa.

"Sería tristísimo que na véspera da Noiteboa ou do Nadal houbese que aumentar as medidas de seguridade en Santiago. E á vista da evolución que está tendo non se pode descartar en absoluto", apuntaba o alcalde da capital de Galicia, Xosé Sánchez Bugallo.

As repuntas nestes e noutros concellos xa frearon lixeiramente a tendencia descendente da pandemia en Galicia, aínda que na toma de decisións dos expertos se teñen en conta máis parámetros e períodos máis longos de tempo. En Sanidade xa advirten que a reunión do comité clínico será longa e complexa.

Debe pechar tamén o documento coas medidas que se aplicarán en Galicia no Nadal, como quedarán as restricións de mobilidade e horarios e as recomendacións para unhas celebracións seguras. O plan que ten a Xunta previsto conta co criterio de limitar os encontros a dúas unidades familiares, sen límite no caso de conviventes, e con iso esa será unha das bases sobre as que traballa o comité clínico.

O conselleiro tamén se pronunciou acerca da mobilidade interna en Galicia, posto que todas as cidades excepto Santiago de Compostela e Ourense están actualmente con peche perimetral. Neste sentido, dixo que non tería sentido impedir a mobilidade para reunións familiares se, por exemplo, están permitidos estes desprazamentos desde fóra da comunidade autónoma. Pero iso non quere dicir que os peches perimetrais das cidades se vaian levantar.

Sobre a mesa do comité clínico estará tamén o plan de vacinación contra a covid−19, posto que, segundo xa avanzou o presidente galego, a previsión é que o analicen os expertos que asesoran a Xunta desde o inicio da pandemia antes de que o aprobe o Executivo autonómico na súa reunión semanal deste xoves 17 de decembro. En todo caso, en entrevistas desta fin de semana, Feijóo avanzou que a previsión é que as máis de 20.000 persoas que están internas en residencias da terceira idade de Galicia sexan "as primeiras" en vacinarse.

Noticias web

14/12/2020