CRTVG

Buscar

Dispáranse os contaxios de coronavirus en Euskadi e Aragón

Publicado o 07/08/2020 14:57

Primeiro día de confinamento en Aranda de Duero. Desde as oito desta mañá, os 32.000 veciños deste municipio burgalés non poden saír del.

Aranda de Duero súmase a Íscar e Pedrajas, que desde o sábado están en fase 1. Castela e León notificou 210 casos máis.

Preocupan as cifras ascendentes en Euskadi: 428 novos positivos por PCR, case un 80% máis ca onte, e 60 hospitalizados. A conselleira de Sanidade fala xa dunha segunda vaga epidémica.

Aragón segue a ser a comunidade con máis novos casos diagnosticados. Segundo os últimos datos publicados onte, rexistráronse preto de 400 novos positivos. En Huesca, multiplicaron por catro os contaxios.

O Goberno rexional acaba de anunciar máis restricións e medidas de control dos positivos sobre todo en Zaragoza, a cidade máis afectada.

A comunidade de Madrid informou de que xa ten 30 gromos, ao detectar tres novos, con 19 novos positivos. Un dos gromos ten orixe nunha voda en San Sebastián de los Reyes, en que houbo 9 infectados. Estanse a rastrexar 207 persoas.

Cataluña contabilizou máis de mil contaxios confirmados por PCR. Nas localidades do Vallés continúa a campaña de cribados masivos. Tras Ripollet e Sabadell, esta mañá empezaron nos barrios de Terrassa, onde se vían longas ringleiras.

Os gromos activos en España achéganse aos 600, con case 7.000 persoas contaxiadas.

Noticias web

07/08/2020