Dispáranse as denuncias dos condutores ante as ameazas dos arrombacoches ao carón do HULA
Na contorna do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo continúan os problemas cos arrombacoches. Un deles foi identificado pola policía por ameazar de morte e agredir cun bastón varios condutores que quixeron estacionar o seu vehículo xunto ao HULA.
Nas últimas semanas disparáronse as denuncias dos condutores contra os arrombacoches que actúan na contorna do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo. Un deles, de feito, foi identificado pola policía ao lle atribuíren ameazas de morte e agresións cun bastón a varias persoas que quixeron aparcar nesta zona. Como consecuencia, os visitantes e mais os pacientes do HULA din que están atemorizados.
"Hai que darlles, que se non lles dás despois ao mellor rómpenche un cristal".
"Metemos no aparcadoiro do hospital porque se non lles dás, ráianche os coches".
"Hai moitos por aí. Onte á mañá aínda había. Parece que che raian os coches se non lles das algo".
Tras constatarse un grande aumento das denuncias, dende a comisaría de Lugo montouse un dispositivo con axentes uniformados e de paisano, que identificaron, como mínimo, media ducia de arrombacoches.
En canto ao presunto autor das agresións e das ameazas, foi posto en liberdade logo de tomarlle declaración. Os incidentes foron remitidos á xustiza para que se abra un proceso penal contra el.