CRTVG

Buscar

Dimite o 'speaker' do Parlamento que fixo de dique ao torrente de Boris Johnson

Publicado o 10/09/2019 08:17

O Parlamento británico xa está pechado. Malia á férrea oposición da maioría dos 'comúns', Johnson consegue suspender a actividade parlamentaria ata o 31 de outubro, aínda que coas mans pechadas para convocar eleccións ou para promover un brexit sen acordo. Os dous extremos foron posibles grazas, entre outros, ao propio presidente do Parlamento, John Bercow, que onte mesmo anunciaba a súa dimisión.

"Unha cuestión persoal, unha promesa á muller e aos fillos", foi a explicación dunha renuncia que pesou máis nas filas da oposición que entre as dos propios tories, especialmente entre os euroescépticos. Bercow, en contra moitas veces da vontade da dirección do seu propio partido -o conservador-,  abriu ao debate na cámara dos comúns os asuntos máis incómodos e máis espiñentos.

"Incrementar a autoridade lexislativa do Parlamento", foi o seu cometido -dixo-. E foron as súas célebres formas ás que situaron a súa popularidade mesmo por riba do primeiro ministro. Combinou o humor con serias amonestacións, por exemplo, ante comentarios machistas.

Bercow dimite o día do peche do Parlamento e coa dúbida de se o primeiro ministro vai cumprir ou non os mandatos que a cámara lle deu nos últimos sete días: non optar xamais por un brexit duro e non convocar o 15 de outubro unhas eleccións coa intención de lexitimarse para saír sen acordo da Unión.

Johnson acusa os deputados de procastrinar, e apela ao mandato do referendo. Corbyn expresa a súa dúbida de que realmente Boris Johson teña pensado seguir as leis que acaban de aprobar. E así, entre abouxos, pecha un Parlamento en que os propios laboristas foron máis afectuosos na despedida a Bercow que os seus compañeiros de filas.

Noticias web

10/09/2019