CRTVG

Buscar

Dimite o alcalde de San Amaro, o socialista Rubén Gómez, por desavinzas co socio de goberno

Publicado o 30/09/2021 18:35
Dimite o alcalde de San Amaro, o socialista Rubén Gómez, por desavinzas co socio de goberno

Facebook: Concello de San Amaro

EFE

O concello de San Amaro, na provincia de Ourense, afronta unha grave crise municipal despois de que o alcalde, Rubén Gómez, do PSOE, presentara a súa renuncia tras as discrepancias existentes no goberno e, en particular, en Xuntos por San Amaro.

Nas pasadas eleccións e 2019, este pequeno concello de pouco máis de mil habitantes, o PP foi a forza máis votada, con 4 concelleiros, seguido de Xuntos, con tres edís, e o PSOE, con dous, pero un acordo de goberno permitiu ás dúas formacións de esquerdas gobernar. Entón, os dous partidos acordaron unha alcaldía rotatoria, isto é, dous anos cada partido. Despois de varios meses de tensións e sen producirse a substitución, o rexedor socialista presentou a súa renuncia ante a "falta de saída" da situación e que está a atrasar asuntos municipais.

Nun escrito remitido á dirección socialista, explica que se trata “dunha decisión meditada e difícil” dada a situación “que se está dando nos últimos tempos”. Ademais, tras deixar claro que “non se trata en ningún caso de falta de ganas” continúa dicindo que este paso busca “propiciar a substitución na alcaldía” ante a falta de solución actual.

Trasladará esta renuncia esta mesma tarde ao pleno municipal para que así se poida abrir un prazo de dez días para que os grupos poidan propoñer un novo candidato. A crise municipal inicialmente estalou por mor da existencia de desavinzas entre a número dous de Xuntos e o seu portavoz, e que bloqueou a substitución pactada na alcaldía.

Cumpridos os dous anos de mandato socialista, a localidade seguía gobernada polo PSOE. Ademais, a número dous de Xuntos saíu da formación e pasou á non adscrita. Desde a dirección provincial do PSOE valoraron a decisión “persoal” adoptada por Gómez e reivindicaron o traballo “exemplar” que fixo o socialista nestes dous primeiros anos de mandato. Ademais, achacaron a renuncia ás disputas de Xuntos.

Pola súa banda, o PP confirmou que estuda a viabilidade dunha eventual moción de censura. Desde o PP critican as “disputas internas e o desgoberno” existente. “San Amaro non merece esta situación”, expón o portavoz popular, Fernando Rodríguez, quen urxe á substitución na alcaldía. 

 

Noticias web

30/09/2021