CRTVG

Buscar

Dimite a ministra de Exteriores do Goberno de Colombia, segunda renuncia no que vai de crise

Publicado o 13/05/2021 19:59
Dimite a ministra de Exteriores do Goberno de Colombia, segunda renuncia no que vai de crise

A chanceler de Colombia, Claudia Blum, presentou ao presidente, Iván Duque, a súa carta de renuncia en momentos en que o país está inmerso nunha das maiores crises sociais e políticas dos últimos anos por máis de dúas semanas de protestas e mobilizacións. "Por medio da presente, quero da maneira máis respectuosa presentarlle a Vostede a miña renuncia irrevogable ao cargo de Ministra de Relacións Exteriores, efectiva de maneira inmediata", lese na carta, datada o 11 de maio, pero feita pública hoxe.

Colombia leva inmersa desde o 28 de abril en importantes e multitudinarias protestas cidadás que comezaron como rexeitamento pola xa extinta reforma tributaria que quería aprobar o Goberno, pero que agora congrega outros reclamos, como a reforma da policía, que se tombe un intento de reformar a saúde, ou mesmo a renuncia de presidente.

Blum, que estaba no cargo desde novembro de 2019, non deu razóns da súa dimisión, que levaba especulándose en medios nacionais desde esta pasada fin de semana. O Ministerio de Relacións Exteriores tivo que facer fronte ás múltiples críticas e chamadas de atención das dúas últimas semanas por parte de organismos internacionais, a ONU e países estranxeiros sobre as imaxes de brutalidade policial que saltaron ás pantallas de todo o mundo.

A Defensoría do Pobo recibiu reportes de que 42 persoas (41 civís e un policía) morreron nas dúas semanas de paro, e que segue buscando a 168 persoas. A chanceler é o segundo ministro que perde o presidente Duque nesta crise, xa que o pasado 3 de maio renunciou o titular de Facenda, Alberto Carrasquilla, sinalado como o vilán desta crise por ser o pai da fracasada reforma tributaria. O Goberno non se pronunciou sobre a renuncia da chanceler Blum nin indicou quen será o seu sucesor. 
 

Noticias web

13/05/2021