Diminúe o ritmo de suba de casos activos na Coruña, pero aumenta en Santiago e Lugo
• Galicia alcanza os 1.623 casos activos
• Ourense é xa a segunda área sanitaria con máis casos activos (145)

O número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.623, segundo informa a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.
ÚLTIMA HORA | Diminúe o ritmo de suba de casos activos na Coruña, pero aumenta en Santiago e Lugo. Galicia alcanza os 1.623 https://t.co/LpJJdU0wYM pic.twitter.com/3SkGZNKu82
— G24 (@G24Noticias) August 19, 2020
Do total, 960 son da área da Coruña (+39), 136 da de Lugo (+23), 145 da de Ourense (+14), 84 da de Pontevedra (+9), 138 da área de Vigo (-1), 91 da de Santiago (+24), e 69 da de Ferrol (+10).
O aumento de casos activos semella equilibrarse entre as áreas sanitarias respecto ás xornadas anteriores. Así, a área da Coruña reduce hoxe o ritmo de crecemento e a de Vigo rexistra un caso activo menos, mantendo certa estabilidade dende hai cinco días.
O presidente da Xunta en funcións Alberto Núñez Feijóo anunciou este mediodía, logo de reunirse co comité clínico, que non se ampliarán as restricións que afectan á área sanitaria da Coruña, cando menos até o venres, día en que volverá reunirse o comité.
Na outra punta está a de Ourense, que xa é a segunda área sanitaria con máis casos activos, despois da Coruña. Detrás de Ourense e Vigo está Lugo, que suma 23 casos, e a de Santiago, que tivo a segunda maior suba da xornada, posiblemente polos gromos rexistrados na área en Melide.
A área de Ferrol, a única que conseguiu estar sen casos activos por un tempo nesta pandemia -dende o 19 ata o 28 de xullo-, sobe 10 casos, o maior incremento rexistrado na área dende o 22 de abril. Con todo, segue a ser a área con menos casos, polo de agora.
Situación dos gromos
En Ourense, subiu a 13 o número de infectados no gromo de Viana do Bolo, todos con vínculo familiar. E declaráronse outros dous focos con 7 positivos: un na capital e outro en Verín.
En Vigo, a pandemia parece evolucionar mellor, hai un caso activo menos ca onte, 138, pero detectouse un novo gromo importado: 10 positivos nunha familia de turistas.
Aumentou sensiblemente a cifra de contaxios na área de Lugo, en parte debido ao foco declarado nun edificio da rúa Duquesa de Alba en Monforte. Hai 8 positivos confirmados e esta mañá acudiron sanitarios ao edificio e a outro próximo para facerlles probas aos residentes e aos contactos dos que deron positivo. Unha situación que fai que a veciñanza extreme as precaucións.
Sobe tamén sensiblemente o número de casos activos en Santiago: 91. Neste caso, seguen aumentando o número de positivos nos 2 gromos detectados en Melide. Hai xa 11 confirmados, 8 deles menores de 30 anos.
Esta tarde vaise facer un cribado entre mozos de 18 a 30 anos. As autoridades sanitarias sospeitan que a orixe estivo no ocio nocturno, tras difundirse imaxes gravadas nun local de copas da vila sen medidas de seguridade.
Subiu a 84 a cifra de positivos na área de Pontevedra e na de Ferrol aumentou a 16 o número de casos relacionado cun campamento de verán en Cerdido. Tamén se detectou un novo gromo de orixe familiar en Cedeira con 7 persoas infectadas.
Hospitalizacións e pacientes
Do total de pacientes positivos, 5 están en UCI (-1), 55 en unidades de hospitalización (=) e 1.563 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.657 persoas curadas, rexistrándose 625 falecementos.
Onte realizáronse 3.187 PCR, unha cifra que non se rexistraba dende o 12 de xullo.