Diego Peláez: "Grecia está ben porque foi máis rápida que España en tomar medidas"
Dentro de Europa, queremos pararnos no caso de Grecia, un país mediterráneo que ofrece cifras, afortunadamente, moi baixas de afectación desta pandemia. Uns 2.100 afectados e 101 mortos, segundo os últimos datos.
Diego Peláez, que está a vivir en primeira persoa o confinamento nese país, é un futbolista compostelán que xoga no Trícala, a unhas tres horas de Atenas.
"O 12 de marzo tivemos a primeira morte en Grecia e desde ese día tomáronse medidas drásticas. Pecharon as fronteiras. Había moita xente que quería entrar de Turquía. Estiveron máis rápidos que en España e en Italia, se non, polo tipo de país, seguro que viviriamos unha situación semellante".
"Hai 25 días, o Goberno grego puxo dous voos a España. Eu non conseguín ningunha praza e desde aquela non hai voos. Mesmo tentando viaxar con varias escalas, cancélanchos. É imposible saír do país".
"Eu rematei contrato co equipo hai unha semana. Pero o meu caso non é o único. Haberá moita xente nunha situación semellante. Sorprende que vivindo dentro da Unión Europea non poidas volver ao teu país".
"Creo que a xente en Grecia está sendo máis disciplinada, sobre todo vendo o sistema público, a sanidade, que dista bastante da que temos en España. Nos hospitais aquí teño a sensación de volver ao pasado. A xente está moi concienciada e cumpren ao 100%".
"Trícala é unha cidade parecida ao que pode ser Pontevedra, con arredor de 70.000 habitantes. A crise do 2008 foi especialmente cruenta aquí. Afectou moito o sistema sanitario".