CRTVG

Buscar

Díaz Barreiros, novo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia

Publicado o 24/11/2020 13:26

O ourensán José Manuel Díaz Barreiros é o novo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), ao retirar a súa candidatura o vigués Pedro Rey.

Tanto Díaz Barreiros como Pedro Rey confirmaron que ambas as candidaturas alcanzaron un acordo para que sexa o primeiro quen ocupe a presidencia da patronal galega.

O xa novo presidente da CEG contaba co apoio das confederacións da Coruña, Ourense e Lugo. "Creo que chegarmos a un grande acordo de consenso entre as dúas partes onde, dalgún xeito, non levamos aos empresarios a dividirse no voto. Pedro e eu consideramos que nestes momentos prima a unidade empresarial por riba de todo", asegurou Díaz Barreiros.

Pedro Rey dixo que finalmente decidiu retirarse e ofrecer o seu apoio a Díaz Barreiros nun intento de "remar" no mesmo sentido e deixar atrás os tempos convulsos que viviu nos últimos anos a Confederación de Empresarios de Galicia.