CRTVG

Buscar

Díaz Ayuso e Gabilondo chaman á concordia nun 2 de maio de peche de campaña

Publicado o 02/05/2021 15:02

Isabel Díaz Ayuso foi a protagonista escénica do acto cívico-militar deste dous de maio, que incluíu un desfile de tropas en lembranza dos heroes de 1808. Nada inhabitual en anos anteriores, pero nesta ocasión co morbo dunhas eleccións ás portas.

Recibiron recoñecementos anteriores presidentes da comunidade e personalidades como Ainhoa Arteta, Nacho Cano ou Rafael Nadal, entre outras. O interese centrábase no discurso de Ayuso. Nel apelou á defensa da liberdade e a renovar a concordia, que - dixo- non se pode confundir con unanimidade.

O candidato socialista, Ángel Gabilondo, apelou á participación o 4 de maio e, sobre todo, a reforzar o entendemento fronte ao conflito permanente.

Os demais candidatos que estiveron no acto tamén deixaron a súa mensaxe en clave política.

A tarde deste 2 de maio preséntase intensa para todas as opcións políticas en liza tras a paréntese institucional. Péchase unha campaña polarizada e marcada pola forte pugna dialéctica.