CRTVG

Buscar

Díaz avoga por estender os ERTE máis aló de setembro nalgúns sectores

Publicado o 23/07/2020 21:37
Díaz avoga por estender os ERTE máis aló de setembro nalgúns sectores


A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, pediu que non haxa "temor" a estender os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) relacionados coa COVID-19 máis aló do 30 de setembro nos sectores que o sigan necesitando e mandou unha mensaxe de tranquilidade a empresas e traballadores. Durante a súa intervención na presentación da memoria do CES, Díaz sinalou que non tería sentido "deixar caer o sistema" tras os esforzos realizados.

No Ministerio de Traballo precisaron que, en última instancia, a prorrogación dos ERTE máis aló de setembro dependerá da comisión tripartita laboral creada cos axentes sociais para avaliar a evolución destas medidas de protección do emprego. Entre os sectores en que se poderían ampliar, Díaz citou actividades sociocomunitarias ou culturais, ademais dos que xa mencionara (transporte aéreo ou axencias de viaxes) nunha intervención previa no mesmo acto o gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, partidario tamén de estender esta medida de forma "focalizada".

Díaz avanzou que a comisión tripartita creada para avaliar os ERTE vai ter "moito traballo en agosto" para anticiparse á realidade de setembro e destacou que será clave acertar na definición deses sectores. A ministra de Traballo tamén expuxo que dos 3,4 millóns de traballadores que chegaron a estar nun ERTE, apenas queden 1 millón neles.

A reincorporación foi "eficaz", valorou a ministra de Traballo, que volveu poñer en valor o papel do diálogo social e destacou que no último acordo sobre os ERTE se recolle un escenario en caso de rebrotes. Tamén destacou que este xoves comezan os traballos dunha nova mesa de dialogo social sobre o esquema de protección de desemprego.

Noticias web

23/07/2020