CRTVG

Buscar

Día Mundial para a Prevención do Suicidio, a primeira causa de morte non natural

Publicado o 10/09/2021 15:19

No Complexo Hospitalario Universitario de Ourense funciona dende hai máis de dez anos a Unidade de Prevención do Suicidio. Pero foi neste 2021 cando se puxo en marcha unha unidade específica para atender pacientes entre 11 e 17 anos. Son tratados non só porque manifestaran unha intención suicida, senón tamén porque padecen ansiedade ou trastornos da conduta alimentaria.

Luis Docasar, xefe do Servizo de Psiquiatría do CHOU, asegura: "Son pacientes que cando reciben a atención correcta todo é mellor, reciben o acceso ao tratamento farmacolóxico que precisan, porque non dormen ben, teñen unha ansiedade moi desbordante. Reciben atención e apoio psicolóxico e tamén reciben por parte de enfermería notas sobre coidados, hábitos máis saudables".

Na adolescencia as relacións interpersoais son reforzos sociais necesarios para a construción da identidade. O illamento e o medo que trouxo consigo a pandemia provocaron un impacto na saúde mental nestas idades.

"Saber que se temos un adolescente que está retraído ou que está tendo consumos inaxeitados de substancias ou manifesta algún tipo de comportamento fóbico ou diminución do humor ou falta de rendemento, pois pensar se necesita asistencia non?", sostén o xefe do Servizo de Psiquiatría do CHOU. Galicia continúa entre as comunidades con maior taxa de suicidios entre a súa poboación.

Noticias web

10/09/2021