CRTVG

Buscar

Día Mundial da Hipertensión: xornada para concienciar a poboación dos riscos asociados

Publicado o 17/05/2019 12:51

Hoxe é o Día Mundial da Hipertensión, unha xornada para concienciar a poboación dos riscos asociados á presión arterial alta e dos numerosos casos sen diagnosticar e sen tratar. A hipertensión non provoca síntomas, pero hai xeitos de detectala para previr as graves complicacións que pode causar.


A hipertensión, unha presión arterial igual ou superior a 14 de máxima e 9 de mínima, é a principal causa previsible de enfermidade cardiovascular e de morte en países desenvolvidos. Aquí, en Galicia, afecta 4 de cada 10 adultos. E algúns nin sequera o saben porque adoita ser asintomática.

José Enrique López Paz- Presidente da Sociedade Galega de Hipertensión: "Chámanlle de forma gráfica o asasino silencioso porque isto vai solapando día a día os órganos vitais do corpo, fundamentalmente o corazón, o ril, o cerebro, pero ti non o sabes. Case sempre, cando chegamos, chegamos tarde"

Isto é grave porque pode causar complicacións tan serias como o infarto de miocardio, o ictus ou doenzas renais. Para evitalo, os médicos din que hai que detectala canto antes.

Antonio Pose. Xefe de servizo de Medicina Interna do CHUS: "É moi importante porque, canto antes se detecte, evítanse as complicacións, os danos que pode producir no organismo. E, se non se produce ningún dano, un pode levar unha vida totalmente normal"

Para manter a tensión nos niveis óptimos son fundamentais os hábitos de vida saudables.

José Enrique López Paz- Presidente da Sociedade Galega de Hipertensión: "Facendo poucas cousas (froitas e verduras, reducindo sal, andando un pouco) estariamos gañando a metade do camiño"

Ademais disto, recomendan medir a tensión de xeito frecuente con aparellos precisos para establecer axiña o diagnóstico e, se é necesario, o tratamento farmacolóxico.
 

Noticias web

17/05/2019