CRTVG

Buscar

Galicia proclama a voz de Xela Arias, autora da modernidade

Publicado o 17/05/2021 14:58

Vigo foi este luns 17 de maio o epicentro das celebracións do Día das Letras Galegas. Nesta cidade desenvolveuse a maior parte da actividade vital, persoal e intelectual de Xela Arias, a poeta homenaxeada neste 2021. Tanto a Real Academia Galega como a Xunta de Galicia escolleron esta cidade para abeirar os seus actos centrais da xornada.

O acto da Xunta celebrouse no IES Castelao en Vigo, o centro onde Xela Arias estudou de moza. Posteriormente, a Real Academia Galega levou o plenario extraordinario con motivo do Día das Letras Galegas ao Auditorio Mar de Vigo, coa participación de Marilar Aleixandre, Ana Romaní e Manuel Rivas.

Tres voces para achegar tres olladas sobre a homenaxeada. Ana Romaní falou da poética radical de Xela Arias, mentres Marilar Aleixandre reflexionaba sobre o seu feminismo e defendía o dereito á rebeldía. Manuel Rivas reivindicou que o pensamento da poeta, tradutora e editora está máis actual ca nunca.

No evento tamén se puido gozar das actuacións musicais de Mónica de Nut, Pablo Carreira e Fernando Abreu, o intérprete que comezara a preparar un espectáculo poético-musical con Xela Arias pouco antes do seu falecemento en 2003.

Noticias web

17/05/2021