CRTVG

Buscar

Dezanove positivos no gromo detectado no concello de Carnota

Publicado o 28/06/2021 15:01

O día 22 de xuño en Carnota o coronavirus estaba a cero. Cero casos activos e cero tamén era a cifra da incidencia acumulada tanto a sete como a catorce días. Pero todo cambiou na noite de San Xoán.

"Seica que no Pindo fixeron unha festa uns rapaces e que un estaba contaxiado e contaxiou a todos", relata unha veciña. "Seica é duns rapaces que saíron e que contaxiaron as familias", asegura outra veciña de Carnota. "Foi no porto, nunha caseta, fixeron un botellón e contaxiáronse aí. Habería un e ese un contaxiou a todos", sostén un veciño.

O gromo orixinouse nunha festa polo San Xoán que se celebrou na parroquia do Pindo, por mor dunha persoa asintomática que procedía da Coruña. O venres 25 contabilizáronse 10 casos de covid-19. O sábado 26 realizouse un cribado ao que convocaron 120 persoas. Acudiron 55 e entre elas detectouse outro contaxio. A día de hoxe hai 19 positivos.

"Eu estou vacinada de todo, pero tranquila non, porque din de sacar a máscara e eu, de momento, a máscara, non", confesa unha veciña. "A xente non está preocupada, a xente ten vida normal. Aínda que houbo corentena no cole, pero agora mesmo está a cousa máis estabilizada, máis normalizada. Non hai ningún tipo de alarma nin nada. Si que houbo e haberá máis casos dese tipo".

O Concello asegura que os positivos e os seus contactos permanecen en corentena e que a situación foi controlada dende que se detectaron os primeiros contaxios.





 

Noticias web

28/06/2021