Dez hospitalizados no accidente dun autobús que atropelou un cabalo en Oia
Os dous feridos máis graves no accidente tiveron que ser intervidos cirurxicamente no Hospital Álvaro Cunqueiro e no Vithas Fátima de Vigo.
Fontes da área sanitaria viguesa informan de que hai outros oito feridos hospitalizados repartidos neses dous centros, ningún deles grave, e outros 12 máis xa recibiron a alta hospitalaria.
A Axencia Galega de Emerxencias recibía o aviso do sinistro cando faltaban seis minutos para as 11 da noite. O autobús, que transportaba 23 traballadores da factoría de PSA Citroën desde Vigo, cara aos seus domicilios no Val Miñor, topouse cun cabalo na estrada PO-552, ao seu paso pola parroquia de Mougás, en Oia, no quilómetro 27,800. O condutor non puido facer nada para evitar o atropelo. O impacto, á vista do estado en que quedou o vehículo, foi brutal, e provocou o posterior envorco.
Un dos viaxeiros explica que tras chocar co cabalo o vehículo non puido evitar o envorcamento. Daniel Castelo, sarxento da Garda Civil, confirma que o animal invadiu a vía e tras o impacto o autobús foi contra a beiravía.
Os equipos sanitarios traballaron arreo no lugar para atender os feridos. Tamén se desprazaron os grupos de emerxencias supramunicipais e os bombeiros do Baixo Miño, pero non foi necesario que liberaran ningún dos viaxeiros, que puideron saír polo seu propio pé pola ventá traseira do autobús.
A estrada quedou cortada neste punto ata que foi retirado o autobús. O tráfico desviouse cara á estrada vella, pero horas despois, xa á mañanciña, foi restablecido.