CRTVG

Buscar

Dez galardóns de calidade para a sanidade galega nos Premios BIC 2020

Publicado o 18/12/2020 16:41

A sanidade galega logrou dez galardóns nos Premios Best in Class. Foi a segunda comunidade máis premiada. Coma tantos outros eventos deste ano pandémico, a gala dos premios Best in Class tivo que ser telemática.

Os centros e profesionais da Sanidade galega repetíronse unha e outra vez á hora de recoñecer as mellores unidades, servizos, hospitais e proxectos de saúde, segundo as pautas de calidade asistencial que seguen o xornal sanitario Gaceta Médica e a Cátedra de Investigación da Universidade Rey Juan Carlos.

O Complexo Hospitalario da Coruña mantense como o mellor hospital. O centro coruñés logrou tamén os premios BIC aos mellores servizos de Microbioloxía, Reumatoloxía e Coidados Paliativos. E o servizo de Nefroloxía repite por segundo ano pola súa excelencia entre outras cousas no programa de trasplantes.

Tamén o Complexo Hospitalario de Santiago ve recoñecida de maneira moi continuada a calidade asistencial da unidade de Enfermidades Infecciosas de Pediatría e dos seus servizos de Neuroloxía e Cardioloxía. O xurado valorou o esforzo que tiveron que realizar todos estes equipos para manter unha atención segura para os seus pacientes no contexto da covid-19. 

"Porque nesta grave situación sanitaria a xente pode pensar que todo e covid, pero hai que tratar, hai que diagnosticar, hai que protexer..., pero a xente morre de enfermidaes cardiovasculares, morre de cancro...", di José di Ramón González Juanatey, xefe do Servizo de Cardioloxía do CHUS.

A ampla representación dos máximos galardoados galegos inclúe tamén a unidade de Hepatite do Complexo Universitario de Pontevedra e centro de saúde da Estrada, que repite como mellor unidade de Atención Primaria de España.

Noticias web

18/12/2020