CRTVG

Buscar

Dez anos sen a ETA, a banda terrorista que marcou a vida dos españois durante case medio século

Publicado o 20/10/2021 15:17

O 20 de outubro de 2011, a banda terrorista anunciaba que abandonaba as armas tras case 50 anos de violencia. Sete anos despois chegaría o anuncio da súa disolución definitiva.

Dende que en 1968 asasinou o garda civil galego José Antonio Pardines, ETA iniciou unha espiral de violencia que deixou 853 falecidos e máis de 6.000 feridos. A maioría, policías e militares, pero tamén xuíces, políticos e empresarios.

En 1973 a ETA asasinou o daquela presidente do Goberno, Luis Carrero Blanco, pero a banda que dixo nacer para loitar contra o franquismo cometeu o 90 por cento dos seus atentados na etapa democrática.

O máis grave, o do Hipercor en Barcelona, en que matou 21 persoas. O máis simbólico, o do tamén galego Miguel Ángel Blanco, que espertou unha indignación cidadá sen precedentes. A ETA tamén secuestrou e extorsionou. E fracturou a convivencia no País Vasco.

A resposta social e a asfixia policial, xudicial e política foron debilitando a ETA. En marzo de 2010 cobrouse a súa última vítima, un policía francés. Tras unha ducia de treguas, a banda, descabezada e dividida, abandonaba hai unha década a actividade armada tras medio século de terror.

Noticias web

20/10/2021