Dez anos de guerra en Siria e o seu impacto na infancia
Publicado o 11/03/2021 21:26
Moitos dos nenos de Siria naceron coa guerra e non coñecen outra realidade. O conflito fai 10 anos, e Unicef quere aproveitar para nos amosar o impacto que produce na infancia.
Removen conciencias amosando a reacción dunha nena ao oír unha bomba que cae en plena entrevista. Removen conciencias coas imaxes de Alepo e dos xogos infantís entre edificios destruídos.
Dentro do país hai máis de seis millóns de nenos que precisan axuda. E dous millóns e medio viven como refuxiados noutros países.
O 80 % da poboación siria vive na pobreza. Unha de cada tres escolas do país están desfeitas. A metade dos nenos non vai á clase. Pero Nacións Unidas ve esperanza.