Devolven ao mar unha tartaruga que colle camiño de volta ao Caribe tras a súa reuperación
O seu nome, Enebego, é unha homenaxe aos seus primeiros rescatadores, a tripulación do pesqueiro Nuevo Begoña. A tartaruga quedou atrapada nas redes do barco cando pescaba fronte a Bueu. Cando a descubriron, alertaron inmediatamente do achado. Chamaron a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia, CEMMA, que lles deu os primeiros consellos para garantir a supervivencia do animal. Logo eles continuaron cos seus coidados.
"Ingresámolo na unidade de coidados intensivos. Vimos que non tiña ningún problema a causa da captura, fomos alimentando para que gañase peso. Pasou a segunda fase da recuperación e agora toca a solta, imos devolvela ao seu medio", di Alfredo López, biólogo de CEMMA.
Enebego é unha tartaruga mariña común. Estes exemplares veñen das augas do Caribe, onde nacen, e introdúcense na corrente do Golfo que pasa fronte ás costas galegas. Ese é o motivo de que cheguen aquí. Ao longo dos anos, adoitan atopar de cinco a sete animais coma este. Cando chegan, poñen en marcha o protocolo de actuación.
"Vemos as súas problemáticas. Agora temos ingresadas outras dúas. Adoitan traer plásticos no seu interior. Temos que garantir que poidan eliminalos a través da alimentación que reactiva o seu sistema dixestivo. Cando xa non teñen ningún problema, toca devolvelas ao mar", asegura Alfredo.
E niso, nesa volta ao mar, anda agora Enebego. Con forzas renovadas, retoma a súa viaxe. "O que facemos é soltala fóra da ría, para que non quede varada e volva entrar. Saímos unhas millas da ría e soltámola para que poida facer a súa viaxe cara ao Caribe".
Para garantir un final feliz coma este, lembran que, se se encontra un animal mariño na praia, hai que chamar o 112. Se son tartarugas mariñas, nunca se deben devolver ao mar porque podemos non resolver o problema que a levou a varar e mesmo agravalo.