Detrás das cámaras do debate
Ademais de todo o que puideron ver do debate durante a emisión, o evento tamén nos deixou outras imaxes e algunha sorpresa.
Nos silencios dos segundos previos retumbaba sete veces a palabra política. Pero a tensión do debate xa se percibía agardando polos candidatos.
Non podía haber nube de xornalistas, había un só xornalista para preguntar. Había limpeza constante.
Saíndo dos focos da benvida, os contendentes comezaron a atravesar a luz dos corredores da tardiña. Tantos corredores, tantos candidatos, inevitable cruzarse por sorpresa cun rival antes da loita.
Comezaban as entradas ao campo de batalla dialéctica. Pero con bocas aínda tapadas sobre os atrís. Tapadas ou ben con máscaras cirúrxicas, ou ben con cores determinadas, con mensaxes escritas ou coa versión ilustrada coa respectiva imaxe militante.
As máscaras, fóra para proxectar a voz, anunciaban que chegaba xa a hora do debate, do primeiro bloque. E despois, o tempo de publicidade, minutos de asesores. De só un asesor no estudio por candidato. Asesores que podían compartir postura ao falar ou exhibir a pausa da confidencialidade. Asesores que só temen as maquilladoras. Asesores, en fin, que non perden ningún, ningún detalle.
Todo un baile que rematou na noite pecha atravesando a luz dos focos de despedida. Cando os apagaron, só quedou a idea de converter os indecisos en decididos.