CRTVG

Buscar

Deteñen unha cuarta persoa polo crime de Samuel: un mozo que lle quitou o móbil

Publicado o 08/07/2021 16:55

• Os tres primeiros detidos pasan este venres a disposición xudicial

• Recollen sinturas para pedir unha rúa para Samuel Luiz

Foto: EFE

A Policía Nacional detivo esta pasada noite unha cuarta persoa como suposta autora da agresión mortal ao mozo Samuel Luiz na Coruña, informa a propia institución policial.

O cuarto detido é un home, duns 20 a 25 anos, veciño da Coruña e amigo dos tres detidos o pasado martes, que tampouco coñecía á vítima. Foi o único do catro arrestados que prestou declaración na Comisaría da Policía Nacional na cidade herculina. Así o explicaron fontes consultadas por Europa Press, que puntualizaron que este cuarto detido era unha das testemuñas que pasou á condición de investigado. 

A investigación segue aberta e non se descarta que poida haber novas detencións. A Policía xudicial leva case 150 horas continuadas dunha exhaustiva investigación e continúan analizando as imaxes captadas polas cámaras de tráfico da zona do paseo marítimo da Coruña, os teléfonos móbiles das testemuñas e escoitando as súas declaracións.

Moitas das declaracións coinciden en sinalar que eran, polo menos, seis ou sete as persoas que, dun xeito máis activo, participaban presuntamente nesa malleira mortal.

Eses tres primeiros arrestados pasarán este venres a disposición xudicial, segundo asegurou o delegado do Goberno, José Miñones. Farano no Xulgado de Instrución número 1 da Coruña, que está de garda esta semana, que logo terá que remitir os trámites ao número 8 que é o que leva o caso.

Segundo indicou a Delegación do Goberno en Galicia, ao detido impútaselle un delito de homicidio, como aos outros tres, e, ademais, no seu caso, investígano por outro de apropiación indebida ao quedar supostamente co móbil da vítima.

Esta detención foi froito da información obtida pola Policía Nacional nas declaracións das testemuñas realizadas durante o mércores. Legalmente poderá continuar nos calabozos ata o domingo.

A ningunha das catro persoas detidas ata o momento lle constan antecedentes. A investigación segue aberta e baixo segredo de sumario por orde do xulgado.

Ademais, todas as liñas de investigación continúan abertas mentres a Policía Nacional segue traballando nas declaracións e no visionado de imaxes, o cal, apunta a Delegación do Goberno, "podería levar a novas detencións".

Nestes momentos a hipótese que ten máis forza entre os investigadores policiais segue a ser que a paliza non tivera unha orixe homófoba pero tampouco se descarta.  As amigas de Samuel e testemuñas dos feitos insisten na súa versión de que os insultos cos que se iniciou a agresión si o eran.

O pai de vítima e varias desas amigas xuntáronse de novo coa única persoa que tentou axudar a Samuel mentres recibía a malleira, un home orixinario de Senegal ao que mostraron o seu agradecemento.
 

Mentres grupos prodereitos das persoas LGTBI de varias comunidades autónomas convocaron para este domingo unha manifestación nacional na Coruña co lema "Ante o odio e a violencia, non mostres indiferenza". A marcha partirá ás 19:30 horas da praza da Palloza e concluirá na praza de María Pita.

O delegado do Goberno destaca o "rigor, profesionalidade e sensibilidade" coa que traballa a Brigada Provincial, co único fin de levar ante a xustiza aos autores do crime. 

Miñones apela á prudencia e á responsabilidade necesaria para lograr este obxectivo e considera necesario manter a calma "nestes momentos de dor e rabia".

Feijóo: "Condemanos con rotundidade calquera acto violento"

Alberto Núñez Feijóo defendeu este xoves que o seu partido condenou "con rotundidade" calquera acto violento na comunidade "e con igual rotundidade condenamos calquera tipo de homofobia", engadiu.

Feijóo dixo que que no caso concreto de Samuel  Luiz, o Goberno galego "non ten ningunha notificación" policial nin da investigación sobre o móbil ou a causa, directa ou indirecta, que motivou aos agresores.

Esta semana o presidente galego afirmou nunha entrevista radiofónica que carecía de elementos para falar dun crime homófobo. Tras estas palabras, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, líder na oposición no Parlamento galego, criticou as súas declaracións por considerar que se poñía nunha posición "equidistante".

Núñez Feijóo reprobou estas palabras, aínda que sen nomeala, e asegurou que é "lamentable que haxa políticos facendo política cun asasinato". "Hai partidos que en función de quen sexa o autor ou a vítima condenan con maior ou menor intensidade os asasinatos".