CRTVG

Buscar

Detidos os presuntos atracadores dunha taxista en Santiago

Publicado o 21/10/2020 14:16

Os taxistas de Santiago din que hai que poñerlle freo á situación, despois de que onte unha compañeira se tivera que botar do coche na estrada ante as ameazas dunha parella que colleu nesta parada. Leváronlle os cartos e dous teléfonos móbiles.

Jesús García, presidente de Radiotaxi Compostela: "Este é o quinto caso que temos en dúas semanas, tres deles navalla en man, como foi o caso da compañeira que onte colleron aquí, non Clínico, ás 7 e media da mañá, dirixíndose cara a Lestedo e alí sacáronlle a navalla. No momento que viu que volveu á estrada xeral foi cando decidiu saltar do vehículo e case a atropela o camión que ía detrás. Estas persoas fuxiron no taxi, abandonárono despois, un pouco máis adiante".

Outra taxista, Helena, relata o que sufriu o seu compañeiro da quenda de noite hai unha semana, cando lle subiu ao coche un individuo que o fixo ir ata San Marcos.

Helena Botana, taxista en Santiago: "Sempre avisando de que levara as mans á vista ata que o parou nunha estrada secundaria con menos tráfico e alí xa lle pediu que lle dera os cartos e mais os dous teléfonos móbiles. Sempre cunha navalla no pescozo".

Os presuntos autores do atraco de onte, unha muller e un home, colleunos a Garda Civil preto de onde deixaron abandonado o taxi. Foi onte á mañá, cando, supostamente, pretenderon roubarlle o coche a un home, para fuxir nel. Esta mañá estaban á espera de pasar a disposición xudicial. Mentres, a vítima trata de recuperarse do mal que o pasou.

Noticias web

21/10/2020