Detidos en Lugo os cinco ocupantes ilegais dunha vivenda que quedou desvalixada
Unha casa do barrio da Milagrosa, en Lugo, foi ocupada de xeito ilegal durante apenas tres días, ata que a policía detivo os okupas. Pero foi tempo dabondo para que desvalixasen por completo a vivenda, aproveitando que os seus donos, de 84 e 91 anos, se encontraban fóra cun fillo.
Entre os obxectos de valor que levaron figuran xoias antigas, un abrigo de pel ou unha figura de Lladró. Ademais, provocaron cuantiosos danos e fixéronse cuns 20.000 euros en efectivo.
"Avisáronnos os propios fillos dos moradores do inmoble, un matrimonio de idade avanzada que estaba convivindo cos fillos debido á pandemia que está a ter lugar. Cando se presentou a dotación policial, encontraron no interior os cinco individuos, os cales forzaran o acceso á vivenda. Do lugar subtraeron un abrigo de visón e efectivo por valor de 20.000 euros, os aforros de toda unha vida", dinos Moisés Muñiz, xefe de brigada da Policía Xudicial da Comisaría de Lugo.
Os cinco detidos son tres homes e dúas mulleres de entre 18 e 31 anos, que están acusados dun delito de roubo con forza. Dada o estado lamentable en que quedou a vivenda e a idade avanzada dos seus donos, o acontecido provocou un forte rexeitamento social.
"Neste caso foi terrorífico", apunta Valentín Arias, voceiro da Asociación de Veciños da Milagrosa. "Non o xustifico, que quede claro, pero unha cousa é que unha parella con fillos se goreza nunha casa abandonada e que non fagan o máis mínimo dano, que dende o punto de vista humano mesmo sería admisible dentro do que está mal, e outra moi distinta é o que pasou aquí, onde viñeron romper, esnaquizar e deixalo feito completamente un lodeiro", engade.
Os detidos xa foron postos a disposición da xustiza.