CRTVG

Buscar

Detido un home en Vigo acusado de agredir sexualmente unha muller ebria

Publicado o 03/05/2021 16:50
Detido un home en Vigo acusado de agredir sexualmente unha muller ebria

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un home, de nacionalidade arxentina e 32 anos, que presuntamente tentou baixarlle os pantalóns e agredir sexualmente unha muller, viguesa de 45 anos, mentres estaba ebria.

Os feitos, segundo informaron as forzas de seguridade municipal, tiveron lugar a última hora do pasado venres na rúa Cantabria, onde uns veciños viron que o agora detido sobaba unha muller que estaba a vomitar.

A vítima, segundo as testemuñas, gritáballe ao home que marchase, que non era a súa parella, polo que decidiron chamar a policía.

Unha vez no lugar dos feitos, os axentes atoparon a parella tombada no chan e, tras separalos, espertaron a muller e comezou a gritar "nerviosa e alterada" que o home tentara forzala e pediu que chamasen o seu marido.

Os axentes solicitaron a presenza dunha ambulancia medicalizada e o persoal sanitario, tras unha primeira valoración, apreciou que presentaba un hematoma no pómulo esquerdo, unha erosión na orella esquerda e unha ferida na pálpebra dereita, así como unha hemorraxia nasal. 

Posteriormente, trasladárona ao hospital Álvaro Cunqueiro para facerlle unha exploración máis exhaustiva.

A muller denunciou que o agora detido tentara baixarlle os pantalóns en repetidas ocasións, polo que forcexaron ata que conseguiu zafarse e volver subilos. 

Pola súa banda, o home declarou que coñecera a vítima meses atrás e que esa mesma tarde saíran tomar algo xuntos, en compañía do seu marido.

As testemuñas apoiaron a versión da presunta vítima, polo que os axentes procederon á detención do home como presunto autor dun delito de agresión sexual.