Detido un home en Lugo por condución temeraria e atentado contra a autoridade
O roubo dun coche en Vilalba, do que informou a Garda Civil, deu pé a unha persecución policial pola A-6. Tras circular a 200 quilómetros por hora, o turismo subtraído apareceu ardendo en Nadela, en Lugo, nas inmediacións da autovía. Tratábase dun Seat León, un modelo que adoita ser roubado polas bandas organizadas para cometer asaltos.
Foi entón cando unha patrulla de paisano da comisaría luguesa detectou a presenza dun vehículo sospeitoso, un monovolume, que fuxiu ao tratar de identificar o condutor. Iniciouse daquela unha nova persecución pola nacional VI e pola ponte da estrada a Santiago, que continuou pola pista de Orbazai a velocidades próximas aos 180 quilómetros por hora. Finalmente, o vehículo saíu da vía e envorcou xunto ao club de hípica. Entón, o condutor arremetou contra os axentes que o perseguían, que procederon á súa detención.
Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "Unha das patrullas, que ía de paisano, detectou un vehículo que normalmente vai ocupado por persoas que sabemos que se dedican a este tipo de roubos, que teñen xa antecedentes por este tipo de feitos. É máis, cando o vehículo camuflado se colocou detrás deste coche, o condutor detectou inmediatamente que era unha dotación policial e empezou a acelerar e a intentar fuxir del. O vehículo policial puxo as luces e as sirenas en marcha para darlle o alto e o coche empezou a invadir o carril contrario e saltar as liñas continuas".
Ao detido, que tiña antecedentes, impútanlle os delitos de condución temeraria e atentado contra axentes da autoridade. Investígase, ademais, a súa posible relación con algunha banda organizada responsable dos últimos asaltos a negocios nos arredores de Lugo.
Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "Estase a investigar se ten algún tipo de relación con algún destes roubos e incluso se ten algún tipo de relación co roubo dun vehículo en Vilalba que logo apareceu queimado en Nadela".
Prevese que o detido pase a disposición da xustiza ao longo desta xornada.