Detido un home de 40 anos por matar a nai a golpes cun bate de béisbol
A Garda Civil detivo un home de 40 anos acusado de matar a golpes cun bate de béisbol a súa nai na localidade alacantina de Torrevieja.
O suposto matricida tiña unha orde de afastamento da súa nai por unha agresión anterior. Ocorreu a principios de semana na vivenda que a vítima, de 81 anos, e o seu fillo, de 40, compartían na localidade alacantina de Torrevieja. Supostamente, o home golpeou a nai cun bate de béisbol ata matala.
Despois intentou agochar o crime alertando o Servizo de Emerxencias de que a muller sufrira un accidente ao caerlle enriba un armario.
As feridas que presentaba a vítima non se correspondían co relato feito polo suposto matricida, polo que o home foi arrestado e trasladado ao cuartel da Garda Civil.
As investigacións posteriores desvelaron que o detido tiña unha orde de afastamento con respecto á súa nai por unha agresión anterior. Nas próximas horas pasará a disposición xudicial.