Detido un dos fillos da parella de anciáns mortos en Murcia
A Garda Civil detivo dúas persoas en relación coa morte dunha parella de anciáns o domingo pasado en Murcia. Os detidos son o fillo menor do matrimonio e a parella sentimental deste e están acusados dun posible delito de homicidio.
A parella de anciáns apareceu morta na súa casa de Sangonera, en Murcia, e ambos os dous presentaban feridas de arma branca.
Foron os veciños os que o domingo pasado alertaron a Garda Civil ao ver cristais rotos na vivenda da parella e que ninguén contestaba.
Despois de tres días de investigacións, os axentes detiveron onte en Albacete o menor dos tres fillos do matrimonio e o compañeiro sentimental deste, por un presunto delito de homicidio.
O fillo estaba en paradoiro descoñecido desde que se coñeceu a morte dos seus pais, duns 80 anos.
Dáse a circunstancia de que estaba a ser xa buscado porque desfrutaba dun terceiro grao penitenciario pero non regresara á cadea.
Tanto él como a súa parella contaban con antecedentes por lanzar pedras a coches desde unha ponte e queimar colectores na via pública.
A Garda Civil trasladounos desde Albacete a Murcia para ser interrogados pola súa presunta implicación neste dobre crime que, segundo as primeiras investigacións, podería ter un móbil económico.