Detido por matar a nai cun golpe na cabeza
Sucedeu á unha e media da madrugada nunha vivenda do barrio madrileño de San Blas. Os veciños alertaron ás forzas de seguridade porque escoitaron berros e moito rebumbio.
"En medio minuto, como uns berros de vaite, vaite, uns golpes, e nós como moi asustados; pero de repente acabaron, non se escoitou ningunha voz de muller nin nada, só a voz do home".
Nun primeiro momento, o fillo da vítima non deixou entrar os equipos de emerxencias e a policía, que decidiron avisar os bombeiros. Finalmente non foi preciso que interviñeran. Cando os axentes entraron na vivenda atoparon a muller, de 87 anos, en parada respiratoria e con traumatismo cranioencefálico severo. A pesar de que os sanitarios conseguiron reanimala, a muller volveu sufrir outra parada da que xa non se recuperou. Ás dúas e cuarto da mañá, a policía detivo o fillo, de 58 anos, como autor do homicidio.
"Danlle brotes psicóticos, e entón que pasa, que cando lle dan brotes psicóticos dáballe pola nai, e iso sabémolo todos". "Si, enfermo, pégalle á nai cada malleira que, que...". "Si, si, pegáballe, pero parece que agora levaba unha tempada que non se sentía escándalo nin nada".
O detido tiña tres denuncias por malos tratos. Un irmán máis pequeno era quen se encargaba de internalo cando sufría un brote. Segundo contan os veciños, cando lle daban a alta deixaba de tomar a medicación e volvía poñerse violento coa nai.