CRTVG

Buscar

Deteñen un home en Lugo por ameazas graves en varias terrazas

Publicado o 22/10/2021 14:16

Semana axitada para os hostaleiros da provincia de Lugo: outra denuncia por ameazas de morte aos donos destes negocios e os seus clientes. Agora foi no centro histórico de Lugo. O detido, moi alterado, mesmo se enfrontou aos axentes cando trataban de calmalo.

Ocorreu nunha zona do centro histórico onde se concentran numerosos negocios de hostalería. O home, que ocupaba unha mesa nunha das terrazas, comezou a insultar e molestar o resto dos clientes do establecemento. Isto fixo que moitos optasen por marchar.

O home acabou detido despois de ameazar de morte os hostaleiros e os clientes. Visiblemente alterado, insultou e increpou as camareiras. Ademais, negábase a usar a máscara e a gardar a distancia de seguridade.

Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo, explica que "cando lle serviu, xa lle contestou de malos modos. Mandoulle poñer a máscara e contestou incluso con ameazas. Unha vez vén o propietario, chámalle a atención, posto que varios clientes tamén se sentiron amedrentados pola actitude desta persoa e marcharon do local. E entón este home continuou proferindo ameazas cada vez máis graves, incluso ameazas de morte".

Un dos hostaleiros afectados chamou o 091 para pedir axuda. Daquela acudiron varias patrullas, pero cando chegaron os axentes, a persoa conflitiva tamén se enfrontou a eles, polo que foi arrestada. 

"Conseguiron que marchara do lugar, e cando parecía que todo volvía á calma, regresou. Inmediatamente chamaron á patrulla policial, e xa estando presentes os axentes da Policía Nacional seguiu proferindo esas ameazas, eses insultos, polo que finalmente tivo que ser detido e trasladado á Comisaría, cunha actitude bastante agresiva", di o voceiro policial.

Unha vez pasou a disposición da xustiza, o suposto autor destes feitos foi posto en liberdade con cargos. É o segundo caso que se rexistra na provincia, hai producíase outro incidente similar en Viveiro.

 

Noticias web

22/10/2021