CRTVG

Buscar

Detido o presunto autor do asalto a unha xoiería de Vilagarcía

Publicado o 27/02/2020 14:39

Unhas poucas horas foi o que lle durou a posesión do botín ao asaltante dunha xoiería situada nas galerías Casino de Vilagarcía.

Contra as seis da mañá de onte, valéndose dunha peza de fundición, rompeu o vidro de seguridade da porta, desconectou a a alarma e arramplou coas xoias existentes no estante dun mostrador. Tamén levou catro reloxos que estaban para reparación. Completou o botín cos douscentos euros da caixa.
Alguén da zona avisou a policía, pero cando chegaron os axentes o autor do asalto non estaba no lugar. Así e todo, non tardaron moito en dar con el.

Nove horas despois do roubo, a dona xa recuperara en comisaría os catro reloxos. O valor das outras pezas roubadas, de prata, non o tiña cuantificado esta mañá. O presunto autor, ao que lle interceptaron tamén as xoias, é un veciño de Vilagarcía, de 47 anos drogodependente e con antecedentes policiais. Na comisaría tiñan previsto presentalo hoxe ante o xuíz.

Noticias web

27/02/2020