CRTVG

Buscar

Detido o dono dun bar de Lugo que feriu un policía no desaloxo do seu local

Publicado o 24/05/2021 13:16

Pasaba da medianoite cando unha ducia de efectivos das policías nacional e local acudiron a desaloxar un bar do barrio lugués da Milagrosa que seguía aberto. No local había máis de 60 persoas, cando a capacidade máxima permitida era de 40. Algúns fuxiron e outros reaccionaron de forma violenta, tirándolles mesas e cadeiras. Foi o caso do dono do negocio, que opuxo resistencia cando os axentes quixeron identificalo. Presuntamente feriu un dos policías, motivo polo que foi detido.

Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "Procedeuse a requirir o dono do local e á súa identificación para sancionalo polas infraccións que se estaban cometendo por estar fóra de horario e por haber un exceso de capacidade. Ao mesmo tempo, a medida que ía saíndo a xente, pois íase controlando canta era e cal era de cara a sancionar estes feitos. O dono do local durante este tempo estivo increpando de maneira constante a actuación policial e, chegado un momento, con agresións sobre os axentes".

O hostaleiro detido conta con numerosos antecedentes policiais pola actividade nos seus negocios. De feito, os veciños do lugar quéixanse de que o ruído fóra de horario altera acotío o seu descanso.

"É habitual que este bar teña xente de máis. Cando nos mudamos para aquí era habitual que ás dúas ou tres da mañá estiveran con festa. Levántome ás sete menos cuarto, e é imposible descansar. É un problema que cansa moito os veciños", sinala unha residente na zona.

Tras pasar a disposición da xustiza, o detido quedou en liberdade con cargos.

Noticias web

24/05/2021