CRTVG

Buscar

Detido no Porriño un home que castigaba a súa moza meténdoa nun zulo

Publicado o 29/01/2019 09:19

• Cando os axentes detiveron o mozo, con antecedentes por violencia machista, a vítima enfrontouse aos policías e mesmo agrediu un deles

• Ela ten 20 anos, el 19, e entre eles existía unha orde de afastamento

No Porriño, a Policía Local rescatou unha moza dun zulo en que a encerrara a súa parella, segundo dixo a propia vítima, como castigo. Segundo fontes da investigación, a policía acudiu ata o domicilio despois de recibir o aviso do 112 de que estaban maltratando unha muller. Nun primeiro momento, o presunto agresor deixou entrar os axentes e non atoparon nada. Nunha segunda inspección, localizaron unha pequena porta no salón, que só se abría por fóra. Alí estaba a moza. A propia vítima dixo que a metera alí como castigo. O home tiña unha orde de afastamento da súa parella que, evidentemente, non cumpriu. O Xulgado de Instrución nº3 do Porriño decretou o seu ingreso en prisión e o seu traslado ao cárcere da Lama. 

Foi grazas a unha chamada anónima que alertou a Policía Local de que unha moza estaba retida na casa da súa ex-parella na parroquia de Cans, no Porriño. Os axentes accederon á vivenda e nun primeiro momento no atoparon nada. Volveron chamar o alertante e indicoulles que estaba agochada nun habitáculo no salón da vivenda que só se podía abrir dende fóra.

A rapaza explicoulles aos axentes que a tiña alí agochada como castigo. Cando procederon á detención do mozo, de 19 anos, enfrontouse aos policías e mesmo agrediu un deles. Na parella xa había antecedentes por violencia de xénero e tiñan unha orde de afastamento.

Os dous mozos pasaron a disposición xudicial, ela quedou en liberdade e agora está nunha casa de acollida. O mozo ingresou no cárcere da Lama por un presunto delito de violencia machista. Na vivenda a policía atopu dez bolsas con haxix para a venda polo miúdo.

 

Noticias web

29/01/2019