Detido en Poio un alemán por unha suposta estafa en España e noutros países
Está previsto que hoxe pase a disposición xudicial en Madrid o cidadán alemán que a Garda Civil detivo en Poio como presunto autor dunha estafa piramidal con afectados en diferentes países europeos. Estaba buscado internacionalmente e na súa detención participou a policía alemá e a italiana. A estafa podería ascender a 12 millóns de euros.
A operación policial desenvolveuse nesta vivenda da parroquia de Samieira, en Poio, onde o detido residía xunto á súa familia. Axentes da Garda Civil participaron nun rexistro xunto a policías alemáns e italianos que culminou coa detención do cidadán alemán de 47 anos. Buscábano a nivel internacional como presunto autor dunha estafa piramidal con decenas de vítimas en países de toda Europa, especialmente en Suíza.
Segundo fontes da investigación, conseguira artellar un entramado financeiro e empresarial que actuaba sen autorización legal en operacións relacionadas con mercados de valores. En España este negocio fraudulento tivo a súa sede social nas illas Baleares e tamén en Pontevedra, nun domicilio que tamén rexistrou a Garda Civil.
Está previsto que nas próximas horas o detido pase a disposición xudical en Madrid, xa que a Audiencia Nacional é a encargada deste caso que está baixo segredo de sumario. A estafa que se investiga podería ascender a 12 millóns de euros. Non consta que existan afectados en Galicia.