CRTVG

Buscar

Detido en Madrid o presunto máximo responsable da mafia calabresa

Publicado o 05/08/2021 11:57

Axentes da Policía Nacional, nunha operación conxunta cos Carabinieri de Italia, detiveron en Madrid a Domenico Paviaglianiti, considerado máximo responsable da Ndrangueta, a mafia calabresa. Trátase dun dos prófugos máis buscados de Italia e foi localizado en Madrid con documentación portuguesa falsa, seis teléfonos móbiles e case 6.000 euros en efectivo.

Segundo informaron a Efe fontes xurídicas, o detido foi posto este mércores a disposición do Xulgado Central de Instrución número 1 da Audiencia Nacional, cuxo titular, Alejandro Abascal, decretou para el prisión provisional.

Paviaglianiti xa foi condenado en 2005 a 30 anos de prisión, sentenza que foi recorrida ante a xustiza española co fin de evitar a extradición. Durante aqueles anos, circulaba nun vehículo blindado e as súas actividades delituosas centrábanse, presuntamente, no tráfico de drogas e armas. A investigación, que se desenvolveu ao longo deste ano, detectou que parte da familia deste mafioso estaba en Barcelona onde se refuxiou durante uns meses ata o seu traslado a Madrid. Unha vez na capital, cidade onde fixara a súa residencia, e tras varias pescudas, foi localizado e detido nunha acción conxunta coas autoridades italianas.

O arrestado é, a xuízo dos investigadores, un dos máximos expoñentes do crime organizado en Calabria, segundo informa a Policía Nacional. No momento do seu arresto, portaba unha importante cantidade de diñeiro, seis terminais móbiles e documentación falsa para tratar de eludir a acción da xustiza. Así mesmo no rexistro do seu domicilio, os axentes interviñeron outros cinco terminais telefónicos.

Paviaglianiti está considerado como un dos prófugos máis buscados de Italia; acúsano no seu país da morte dun home, feito polo cal o condenaron a unha pena de 16 anos de prisión, dos que queda pendente o cumprimento de 11 anos e oito meses. A investigación, no marco da operación Rosa dos ventos, foi desenvolta de forma conxunta polas autoridades españolas e italianas, co apoio da fiscalía de Boloña e en colaboración coa Audiencia Nacional. 

Noticias web

05/08/2021